Queridas familias:
Ante o próximo comezo do curso, e para tratar de dar algo de tranquilidade a toda a comunidade educativa, queremos informarvos dalgúns cambios que teremos que afrontar neste curso 20/21 por mor da COVID-19.
No comezo do curso, publicaremos na páxina web un documento chamado “Protocolo de adaptación á situación COVID-19 do curso 2020/21”. Este documento recollerá todos os cambios e adaptacións que teremos que facer para adaptarnos a esta “nova realidade” que vivimos.
Aínda que as instrucións da Consellería de Educación poidan variar nestes próximos días queremos informarvos dalgunhas cuestións importantes de cara ao inicio de curso:
- O centro terá un reforzo no persoal de limpeza que estará facendo tarefas de desinfección durante todo o período lectivo. Esta persoa encargarase especialmente dos lugares que poderían ser máis conflitivos como espazos de tránsito, aseos, pasamáns…
- Adaptarase o horario de entrada e saída ao centro para tratar de graduar o máximo posible estes momentos e así evitar aglomeracións de xente. Haberá quendas de entrada e saída de cada curso .
- O alumnado de primeiro en adiante levará máscara obrigatoriamente e en E. Infantil recomendamos que a traian. Desde o primeiro día de clase, todos os alumnos traerán unha máscara de reposto nun estoxo.
- Adaptaranse os recreos, de forma que cada grupo poda saír só ao patio. Consideraranse os cursos como grupos de convivencia estable e intentarase que non se mesturen con alumnos doutros cursos. Este curso académico non haberá a actividade de natación. O alumnado non compartirá material de uso propio con ningún dos seus compañeiros/as.
- As titorías cos mestres serán por medios telemáticos ou telefónicos salvo razóns de forza maior.
- Os pais e nais non poderán acceder ao Cento nin nas entradas, nin nas saídas.
- Para aumentar a subministración de aire fresco os profesores realizarán tarefas de ventilación das aulas en cada cambio de clase ó longo da xornada lectiva.
- Na entrada de cada clase haberá un dispensador de xel hidroalcohólico
- Haberá papeleiras con tapa accionada con pedal para os panos desbotables, para que o personal e o alumnado empregue para o secado das mans, tusir, esbirrar…
Nos vindeiros días, seguiremos publicando na páxina web máis indicacións sobre as horas de entrada e saída, a forma de traer os libros e o material do alumando e outras indicacións que os mestres titores consideren necesarios para empezar o curso escolar. O Centro comprenderá aqueles casos nos que falten libros ou material ao inicio de curso.
A atención da secretaría do centro será vía telemática ou telefónica ben no cpr.ludy@edu.xunta.es ou no teléfono 981311813.
De acordo coa información proporcionada na web da Consellería de Educación, a incorporación do alumnado ao centro terá lugar deste xeito:
O curso escolar en Galicia comezará o 10 de setembro coa incorporación gradual do alumnado. Os primeiros en incorporarse ás aulas o xoves 10 serán os alumnos de 4º curso de Educación Infantil (3 anos) e 5º de Infantil (4 anos); 1º, 2º e 3º de Educación Primaria. Ao día seguinte, o 11 de setembro, iniciarán o curso escolar os alumnos de 6º de Educación Infantil (5 anos) e os de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria. Deste xeito, o venres día 11 estarían xa incorporados ás aulas a totalidade do alumnado das etapas de Infantil e Primaria.
COMEDOR: O primeiro día de comedor será o luns 14 de setembro e a hora de saída durante todo o curso será ás 14:45 hs. O alumnado de 4º de E. Infantil (3 anos) non fará uso do comedor ata que finalice o período de adaptación , que será no mes de outubro.
Moitas grazas pola vosa atención,
A Dirección