CIRCULAR FIN DE CURSO 2024/ 2025
Quedan xa moi poucos días para rematar o curso, por iso queremos informarvos dalgunhas cuestións importantes:
- O último día lectivo é o venres 20. Este curso, seguindo as novas indicacións da orde do calendario escolar da Xunta de Galicia, as notas non sairán publicadas ata o mércores 24 de xuño, a través do aplicativo ABALAR.
- Excursións:
- Educación Infantil e Educación Primaria (1º – 4º). Xoves 19 de xuño (mañá e tarde)
- Educación Primaria (5º- 6º). Acampada desde o 11 ao 13 de xuño.
O martes día 17 os alumnos de 6º de E. Infantil representarán a obra de teatro “Daniela pirata” no Teatro Jofre, irán como público o resto dos cursos de Infantil e 1º e 2º de Primaria. O importe do bus corre a cargo da Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra, dentro do ciclo Teatro con G.
- A festa de fin de curso con actuacións de E. Infantil , 2º, 4º e 6º de Primaria será o mércores 18 para todo o alumnado pola mañá e ás 17:00 hs para as familias dos alumnos que actúen. Por cuestións de aforo non asistirán o resto dos cursos. Permitirase un máximo de 3 persoas por alumno. Pola mañá deberán vir vestidos coa roupa que indique cada titor ao igual que pola tarde. Os alumnos que actúen deberán estar no centro ás 16:30 hs e ás 17:00 abriranse as portas ás familias. Durante a festa os alumnos estarán co seu mestre titor ata que remate a mesma. O profesorado non se pode facer cargo dos menores convidados que asistan como público pola tarde.
- O venres 20 todo o alumnado traerá o chándal do colexio obrigatoriamente, xa que celebraremos as Ludyolimpiadas, un evento deportivo no que realizan distintas actividades físicas. Farémolas na nosa rúa Río Lambre e participará todo o alumnado a partir das 9:30 hs aproximadamente. Por suposto, estamos desexando que asistades a compartilas con nós e así poder ver aos vosos fillos. Do mesmo xeito todas as familias que o desexedes estades convidadas a participar nas carreiras. Avisarase por megafonía ao final.
- A partir do día 24 de xuño sairá publicada a edición nº 49 da Revista Compa.
- O acto de despedida de 6º de Primaria será o venres 27 de xuño ás 11:30 hs. Será para dito alumnado e acompañantes.
- Lembrade que o último día para a presentación de solicitudes de axudas para a adquisición de libros e material de cara ao curso que vén é o venres 20 de 10 a 13 hs (pregamos respectedes o horario para poder atender ben ao alumnado no seu último día lectivo). Aínda que en 5º e 6º traballaremos con EDIXGAL pódense solicitar as axudas para mercar material coma sempre. Estade atentos ás publicacións que faremos sobre as listaxes das axudas. Lembrámosvos que o horario é os luns e martes de 17:30 a 18:30 hs. Os alumnos beneficiarios do banco de libros deberán ter devoltos os mesmos antes do 20 de xuño segundo as indicacións dos mestres titores.
- A listaxe de libros e material de Infantil e Primaria para o vindeiro curso sairá publicada a partir do 25 de xuño.
Desexámosvos un bo e feliz descanso neste verán.
Grazas un curso máis pola vosa confianza no colexio Ludy. Felices vacacións!
A Dirección.